Ti, ti desfixéchesme, afundiches as túas unllas nas miñas fazulas. Magóaschesme. Aínda que estás lonxe de min, segues a torturarme. Sei que irás acabando comigo, paseniño, ata que de min quede unicamente po. Non me resignarei a iso, a ser un vello encrequenado ancorado a unha muller que me chucha o sangue. NON vou a esperar á miña morte!
En fin, ao fin e ao cabo, non importo nada a ninguén. Nada. Perante a min as ondas, as rochas, o solpor. É neste momento cando sei que podo tomar as miñas decisións. SI, fareino, desfareime desta rocha que me oprime o peito. Río.
Nu. Libre, ledo. Inspiro a plenitude deste ar de salitre. Alá abaixo, a escuma. EU, eu, por Deus, EU! Rematarei coma empecei. SÓ. Mergúllome nos meus pensamentos, acordanzas. Dou un paso cara o abismo...
0 comentarios:
Publicar un comentario